Tuesday 21 de May de 2024

Feijóo finaliza a súa viaxe institucional a Arxentina da que destaca a cálida acollida do país que segue a ter Galicia na súas coordenadas


Cualifica a reunión con Mauricio Macri de “moi frutuosa”; e salienta que o mandatario arxentino é consciente da relación de amizade que hai entre Arxentina e Galicia, dos desexos da Comunidade de que ao país lle vaia ben e de que, como presidente do país, teña éxito na súa xestión

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, finalizou a súa viaxe institucional a Arxentina da que destacou a cálida acollida do país que segue a ter Galicia nas súas coordenadas.

No tocante a súa estancia en Arxentina, Feijóo valorou poder reunirse con Mauricio Macri; unha xuntanza que cualificou de “moi frutuosa”. E, nesta liña subliñou que o mandatario arxentino é consciente da relación de amizade que hai entre Arxentina e Galicia, dos desexos da Comunidade de que ao país lle vaia ben e de que, como presidente do país, teña éxito na súa xestión.

Logo de expresar tamén a satisfacción que supón ser nomeado Hóspede de Honra da cidade de Bos Aires, “unha honra –subliñou- que comparto con todos os galegos”; o titular da Xunta referiuse á celebración do Bos Aires Celebra Galicia, como “unha festividade na que puidemos comprobar como a colectividade galega segue con saúde e en marcha…e vimos tamén como moitos fillos celebraban xunto aos seus pais ser galegos e ser galegos en Bos Aires; ser galegos, arxentinos e españois”.

“En definitiva, agora imos iniciar a última fase da viaxe, pero creo que cumprimos os obxectivos que tiñamos marcados; e Galicia hoxe está dentro das coordenadas, unha vez máis, de Arxentina e de Uruguai e das coordenadas dos seus gobernos”, aseverou.

En relación a súa visita a Uruguai, Feijóo afirmou que manterá unha axenda económica, cun encontro na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai, onde estarán os principais empresarios españois no país. “E, ao igual que mantiven unha xuntanza co presidente de Arxentina, tamén terei ocasión de saudar ao presidente da República Oriental de Uruguai, Tabaré Vázquez”, precisou, ademais de reunirse co intendente da cidade de Montevideo, Daniel Martínez.

Durante un acto homenaxe da Federación de Institucións Españolas do Uruguai, o presidente da Xunta terá tamén ocasión de saudar ás institucións galegas en Uruguai.